Miguel Lorenzo: “Se son alcalde, liderarei o desenvolvemento e o futuro do porto porque é o futuro da cidade”

  • O candidato á alcaldía da Coruña mostra a súa preocupación polo “cambio de postura da alcaldesa” e espera o anuncio de que se vai volver reunir con todas as partes e diga o que quere realmente para o porto”

 

  • Lorenzo afirma que “o cambio da alcaldesa afecta á débeda do porto, xa que a pesar de mocións aprobadas por unanimidade pedindo a condonación como en Valencia, agora di que non fai falta”

 

  • Paula Prado criticou que Inés Rey estea “centrada en resolver as liortas do seu goberno municipal a costa de abandonar os problemas reais da cidade”

 

O candidato do Partido Popular á alcaldía da Coruña, Miguel Lorenzo, visitou esta mañá o peirao de Calvo Sotelo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. Alí mostrou a súa preocupación polo futuro dos terreos portuarios tras a renuncia do goberno municipal a liderar o proceso de transformación da fachada marítima.

 

Lorenzo sinalou que no Pleno de onte  a súa formación presentou “unha moción para que a alcaldesa cumpra a súa palabra sobre o acordo que ela mesma propuxo para facerse co 75% dos peiraos liberados” e atopáronse cunha emenda por parte da Marea que “cambiou totalmente o sentido da proposta”. Ao que engadiu: “O que nos atopamos foi un xiro de postura e anuncióusenos que a alcaldesa non vai cumprir o acordo que ela mesma presentou no seu día”.

 

“Teño moi claro como coruñés e como candidato á alcaldía que o goberno municipal ten que ter o liderado do que se vai facer e desenvolver no porto. E o que estamos vendo é que a alcaldesa claudicou totalmente neste tema, que é rea dos seus socios de goberno, que non cumpre os seus compromisos e que descoñecemos o futuro do porto”, destacou o candidato do PP.

 

Ao respecto, Lorenzo agradeceu “o gran labor que está facendo o Porto da Coruña” dentro dos seus compromisos para abrir os peiraos á cidadanía e tamén manifestou “preocupación” pola actitude do Concello e da alcaldesa neste tema: “Non vale con dicir que se están consentido que se fagan cousas, porque esa é unha labor que ten que facer o Concello, a dar licenzas”.

 

“Se son alcalde, dirixiría este proxecto e tería o liderado do futuro do porto porque é o futuro da cidade. Por iso quero mostrar a miña preocupación polo cambio de postura de onte. Espero que a alcaldesa anuncie que se vai volver a reunir con todas as partes e diga o que quere realmente”.

 

O cambio de postura do goberno municipal tamén afecta á débeda do porto, xa que vimos onte que a pesar das mocións que se aprobaran por unanimidade pedindo a condonación como en Valencia “agora din que tampouco fai falla”. Neste sentido Lorenzo pregúntase: “Por que a Valencia si se lle concedeu e á Coruña non?”

 

“O Concello debe liderar este proxecto que é o gran proxecto de futuro desta cidade e a alcaldesa, rea dun goberno con Marea, claudicou do seu liderado nesta infraestrutura”, finalizou o popular.

 

 

PAULA PRADO: “A CORUÑA NECESITA UN ALCALDE COMO MIGUEL LORENZO”

 

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG criticou que Inés Rey estea “centrada en resolver as liortas do seu goberno municipal a costa de abandonar os problemas reais da cidade”.

 

Por iso, segundo Paula Prado, son “maioría” os que creen que “A Coruña necesita un alcalde como Miguel Lorenzo, que ten claro cal é o seu proxecto de cidade e cales son as cousas que precisa”.

 

Afeoulle tamén á alcaldesa coruñesa que se apoie nun Goberno de España que “soamente vende fume e publicidade ao tempo que di non a condonar a débeda do Porto da Coruña e polo tanto di non tamén á Coruña”.