O alcalde de Outes, Francisco Calo, trasladou nos últimos días á directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, unha proposta para tratar a ampliación de ata 200 héctareas –na actualidade conta con 80- da sociedade de montes sostibles SOMOSCUNS.
Ademais desta proposta, Calo aproveitou a reunión coa representante da Xunta de Galicia para preguntar polo estado no que actualmente se atopa a agrupación forestal, ademais de abordar a evolución da concentración parcelaria de Outes-Valadares e poñer sobre a mesa o posible desenvolvemento doutras en Taras e en San Cosme.
“Estamos a falar de asuntos moi importantes para a economía do noso concellos. Temas que afectan á veciñanza e que levaban tempo parados”, apuntou Calo, quen agradeceu o compromiso e o interese mostrado pola Consellería de Medio Rural no obxectivo de dar un paso máis e poder seguir avanzando nestes proxectos.
O alcalde de Outes agradeceu tamén a información recibida respecto da posibilidade de desenvolver no futuro novos proxectos para a Agrupación de Xestión Conxunta de Montes do municipio, unha camiño que, segundo Calo, pode abrir moitas alternativas en canto a unha mellor explotación dos recursos naturais que ofrece o municipio.
O Goberno Local informou que este tipo de reunións de traballo enmárcanse dentro dun calendario de encontros que o executivo municipal ten pensado realizar nos próximos meses co fin de poñer en marcha iniciativas e proxectos que ata a data estaban paralizados.