O PP acusa o alcalde de crear unha “falsa seguridade” coa crise da auga e pide saber que provocou as 200 intoxicacións

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Muxía cargou hoxe, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, contra o alcalde da localidade, Iago Toba, ao que responsabilizou de crear unha sensación de “falsa seguridade” entre a poboación ao dar por feito que a auga da traída municipal cumpría todos os requisitos para poder consumirse cando aínda non se tiñan as análises definitivas sobre o estado da mesma.

 

Os populares, que critican a rapidez coa que o rexedor pretende dar carpetazo a unha crise que provocou a intoxicación de máis de 200 veciños de Muxía, denuncian que o alcalde deu luz verde ao consumo da auga sen saber os motivos reais de por que estaba mal e, o que é peor, sen saber si se podía consumir ou non con toda seguridade.

 

Houbo moitos veciños que se atoparon coa auga outra vez nas súas casas sen saber se se podía ou non consumir porque non había resultados definitivos e co risco que iso supuxo para a súa saúde”, afirmou a popular.

 

Neste sentido, Vilela indicou que un primeiro momento desde o Goberno Local quíxose desviar a atención sobre a verdadeira causa do problema. “Falouse dunha vertedura de xurro que quedou descartada nas análises, para logo confirmar que o fallo se atopaba no proceso de clorado da auga”, asegurou a voceira popular, que reclama saber que pasou, en que consistiu o fallo, saber si poderíase ter evitado, e sobre todo, esclarecer quen é o responsable.

 

Aplaudindo a González Formoso

Os populares aproveitaron tamén para censurar o comportamento de Iago Toba, ao que acusan de querer converterse nunha “vítima” de toda esta crise “só por facer o seu traballo”. “Só faltaba que, coa xente intoxicándose, o alcalde seguise de cafés como fai en moitas ocasións. Aquí as únicas vítimas son os veciños de Muxía aos que o Goberno Local puxo en perigo cun servizo que é de competencia municipal”, lembrou.

 

Ademais, a portavoz foi un pouco máis aló e recalcou que, mentres os hostaleiros, aos que Vilela sinala que alguén terá que compensar pola súa perdidas económicas, vían seriamente afectados os seus negocios, o señor Toba estaba en Cee nun acto do PSOE. “En Muxía a xente non sabía si podía darlle de beber aos seus fillos, si podían ou non consumir a auga que chegaba ás súas casas, pero ao alcalde o único que lle importaba é estar a aplaudir ao seu xefe”, concluíu.