O PP agradece á Xunta que atenda a demanda da Confraría de Muxía e inicie a repavimentación do bordo portuario

O grupo do Partido Popular no Concello de Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, agradeceu hoxe que a Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia iniciase as obras para a repavimentación do borde portuario de Muxía para, desta maneira, dar resposta ás demandas realizadas pola Confraría de Pescadores.

Os populares aproveitaron o anuncio realizado polo executivo autonómico para lembrar a existencia dun convenio que obriga ao Goberno Local a responsabilizaerse deste tipo de proxectos. “Unha vez máis, deixando de lado calquera partidismo, e atendendo ao interese xeral dos veciños de Muxía, a Xunta de Galicia dá resposta a unha demanda da Confraría de Pescadores”, subliñou Vilela.

A actuación, que conta cun prazo de execución previsto de dous meses, consisten na substitución do actual pavimento de madeira, que se atopa deteriorado pola acción da auga salgada, por un novo en formigón, de maior resistencia e durabilidade.

Portos de Galicia investirá 50.000 euros nesta actuación, que reduce o risco para os peóns que circulan por esta zona devolvéndolle a funcionalidade a este tramo de solo portuario.

Ademais, o novo pavimento de formigón presentará maior resistencia a factores ambientais, reducindo os custes de mantemento. En concreto as obras consisten na desmontaxe e retirada das táboas actuais e a pavimentación con formigón desactivado formando cuadrícula delimitada por liñas de enlousado de granito. Deste xeito mantense a integración estética co conxunto do bordo portuario remodelado en 2004.

Ademais desta actuación, Portos de Galicia tamén ten comprometidos máis de 230.000 euros para financiar os traballos de reparación da fachada e a cuberta da lonxa de Muxía, e levará a cabo outro proxecto para cambiar as defensas do porto.