O PP agradece o compromiso da Xunta para solucionar os problemas do parque infantil do colexio de Os Muíños en Muxía

O grupo municipal do Partido Popular de Muxía, a través da súa concelleira, Sofía López, agradeceu hoxe á Xunta de Galicia o compromiso adquirido polo Goberno Autonómico para levar a cabo un investimento de 5.000 euros que permitirá realizar as obras de mellora da base do chan do parque infantil do colexio de Os Muíños.

 

Os populares, que seguen esperando a que o executivo local convoque o pleno extraordinario solicitado pola súa formación para abordar a grave situación de abandono na que se atopa o parque infantil pola falta de mantemento do Concello de Muxía, quixeron destacar o interese mostrado polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, quen, nunha reunión mantida con Sofía López, comprometeuse a realizar a actuación.

 

“Seguimos esperando a que o Goberno Local atenda as necesidades e as demandas que, desde hai tempo, vén reclamando a comunidade educativa do centro”, apuntou López, integrante tamén da ANPA de Os Muíños, quen incidiu en que a Xunta de Galicia investirá unha partida a pesar de que o executivo autonómico non ten competencias nesta materia, tal e como establece o acordo para o desenvolvemento do pacto local asinado pola Consellería de Educación e a Fegamp no ano 2006.

 

Confirmada esta actuación, os populares aproveitaron para urxir ao Concello de Muxía a que convoque o pleno solicitado para, posteriormente, explicou López, poñer en marcha o resto de investimentos que son “urxentes” para solucionar o problema que existe no parque infantil co caucho e cos elementos de xogo, tal e como o  alcalde, Iago Toba, comprometérase a realizar ao comezo da lexislatura.

 

“Unha vez máis, as promesas do rexedor queda en papel mollado. Hai meses que os nenos do colexio de Os Muíños teñen problemas con esta zona de xogos, a comunidade educativa leva tempo reclamando unha actuación e, mentres a Xunta toma cartas no asunto, o Goberno Local continúa dando as costas aos veciños de Muxía”, concluíu López.