O PP apoia aos comerciantes polos prexuízos xurdidos pola “chapuza” do plan para a reforma da Avd de Vilaboa

O Partido Popular de Culleredo a través da súa portavoz, Izaskun García, apoiou hoxe as queixas que moitos dos comerciantes do municipio veñen mostrando nos últimos días debido ao que a popular cualificou de “chapuza” por parte do Goberno Local na elaboración do proxecto para a reforma da Avenida de Vilaboa.

A popular recorda que súa formación xa avisou fai un ano de que o proxecto presentado polo executivo local tiña moitas trabas e moitos problemas que afectarían ao día a día dos comerciantes. “No seu día presentamos unha proposta para levar a cabo a reforma da avenida de Vilaboa que dotaría ao viario dun carril único, de beirarrúas máis anchas, ordenaría o tráfico nun só sentido e poñería á disposición do veciños setenta prazas de aparcamento”, dixo García

Neste sentido, a popular explicou que deseño elaborado pola súa formación permitiríaelevar os pasos de peóns e, desta maneira, gañar en visibilidade, axilizar o tráfico e dotar de maior seguridade á zona. “Estamos a falar dunha reforma integral, non dun lavado de cara como pretende facer o Goberno local. O que nós presentamos é unha alternativa moderna, ambiciosa, atractiva e diferente. Con sentido e pensando en darlle un maior e mellor uso a unha zona que non se renovou co paso dos anos e non foi respectada nin se lle sacou o partido que se merece”, dixo García.

A portavoz dos populares subliñou que a súa formación se viu obrigada a presentar este novo deseño despois de comprobar as intencións que o executivo municipal ten para reformar a zona. “A proposta que se nos presenta é unha volta ao de sempre”, dixo García, quen criticou que o proxecto do Concello mantén o dobre carril, elimina prazas de aparcamento, non fixa novos pasos de peóns e non amplía as beirarrúas.

“Gustaríanos saber onde queda reflectida a prioridade dos veciños si o número de pasos de peóns mantéñense e si o ancho da beirarrúa apenas vese ampliado, ou onde se pensou no pequeno comercio e as súas necesidades”, preguntouse a popular.

Neste sentido, e despois de manter varias reunións cos comerciantes e veciños da zona, os populares reclaman que o Goberno Local traballe da mandos comercios afectados. “O que non se pode facer é pretender sacar adiante un proxecto tan importante como este sen sentar a falar cos grandes prexudicados”, dixo García, quen denunciou a “nula planificación” por parte do executivo local e, sobre todo, a “incapacidade para buscar alternativas que minimicen os prexuízos que causará este proxecto”.