O PP asegura que a falta de orzamento é unha proba máis da “ineficiencia” do goberno local

O Partido Popular de Oroso, encabezado polo seu portavoz, Alexander Doval, defendeu hoxe que o feito de que o goberno municipal non dese a coñecer aínda o borrador do documento orzamentario para este ano 2022 é unha proba máis da “falta de xestión” dun executivo local ao que tachou de “pouco eficiente” no desenvolvemento do seu labor.

“Xa pasamos o ecuador do mes de febreiro e o documento dos orzamentos nin está, nin se espera con lo que iso supón para poder sacar adiante os proxectos que necesitan os veciños”, afirmou Doval, quen cargou contra os socios de goberno do BNG aos que tildou de “cómplices da neglixente xestión municipal”.

Neste sentido, o portavoz dos populares fixo fincapé no feito de que o rexedor “nin sequera convocou a Comisión de Contas”, unha circunstancia que, na súa opinión, deixa constancia de que o señor Rey “non ten ningunha présa” en aprobar un documento que Doval cualifica de “fundamental” para o día a día do Concello de Oroso.

Doval, urxiu ao rexedor a “acelerar e axilizar” o proceso para poder aprobar canto antes o orzamento.

Por último, o portavoz dos populares lembrou que a falta de orzamentos pode carrexar “serios problemas” en moitos dos proxectos e actividades programadas. “Hai investimentos que poden quedar comprometidos por falta de fondos”, concluíu Doval.