O PP asegura que o alcalde de Ponteceso “eliminou a democracia” do Concello ao negar a celebración dun pleno

O Partido Popular de Ponteceso ten presentado, xunto ao resto dos edís da oposición municipal, un recurso de reposición contra a decisión do alcalde de non convocar un pleno extraordinario solicitado en tempo e forma pola maioría da corporación, detallando claramente os asuntos a tratar.

Entre eles, incluían a situación do Servizo de Axuda no Fogar tras máis dun ano sen contrato en vigor, a toma en consideración da rebaixa do IBI, a posta en marcha dunha auditoría externa para examinar as contas municipais, a cesión de espazos de traballo aos concelleiros da oposición ou o análise do estado, actividade e funcionamento da Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil.

“A todas estas cuestións dinos o alcalde que non, que non se van debater en pleno porque el considera que non é o lugar adecuado para facelo”, critica o portavoz popular, que se pregunta onde entón hai que falar das cuestións que preocupan aos veciños, á vez que denuncia que “definitivamente, o alcalde eliminou a democracia e a participación neste concello, a pesar de que goberna co apoio de só dous membros dunha corporación de 13 persoas”.

Ante a negativa “absurda e inexplicable” por parte do socialista Lois García Carballido, todos os edís da oposición presentaron ante rexistro un recurso que agardan sexa escoitado. “Non podemos seguir así, e de novo pedimos a intervención do PSOE provincial e mesmo galego, porque son os únicos responsables do que está pasando aquí. Eles deben solucionar o problema que eles mesmos crearon”, apuntou o voceiro popular, indignado cunha situación “vergoñenta” que está a causar un dano cada vez máis difícil de solucionar.

“Xa perdemos o POS deste ano, imos perder tamén o do ano que ven. Non nos vale que veña aquí o presidente da Deputación a prometer cartos cando o seu representante no Concello está a desfacer a vida dos veciños e a comprometer o futuro dos nosos fillos dunha maneira irresponsable”, criticou García Cotelo.