O grupo do Partido Popular no Concello de Carballo, a través da súa portavoz, Paula Nogueira, cargou hoxe contra as contas presentadas polo Goberno municipal para o ano 2021, asegurando que se trata dun orzamento que “o único que pon de manifesto é a falta de ideas e a ineficacia na xestión do BNG”.
Durante a súa intervención no pleno celebrado onte, Nogueira, que recoñeceu a dificultade de articular uns orzamentos nunha época de incerteza e preocupación como a que se está vivindo, cualificou de “incomprensible” que o executivo local presente a finais de febreiro do 2021, unhas contas que, na súa opinión, deben servir para facer fronte ás terribles consecuencias da pandemia.
“É, de xeito evidente, inxustificable que o BNG aplique as mesma pautas, os mesmos criterios e as mesmas liñas de actuación que si estivésemos na xa coñecida ‘vella normalidade’”, censurou Nogueira, quen subliñou que, nestes momentos, os veciños ten necesidades económicas e sanitarias moi diferentes ás doutros anos.
Nesta liña, a portavoz popular indicou que o actual momento demanda unha estratexia a medio/longo prazo, que debería plasmarse na presentación de proxectos máis ambiciosos e cun retorno claro para os carballeses. “En lugar disto, as contas presentadas poñen de manifesto máis do mesmo, relaxación, tranquilidade e conformismo por parte do executivo local”, dixo Nogueira, unha circunstancia que, asegurou, a súa formación vén denunciando desde o pasado marzo.
A popular aproveitou a súa quenda de palabra para facer fincapé en que as contas demostran, ademais, o carácter cortoplacistas dun BNG de Carballo, ao que cualificou de marca publicitaria. “O único que fan é sacarse fotos, anunciar proxectos –Casa Social dos Mestres- e levar a cabo unha constante maquillaxe que axude a disimular a súa falta de xestión”, indicou Nogueira.
Cero euros en investimento social
Ademais de todas estas críticas, desde o Partido Popular de Carballo botan en falta que as contas municipais recollan algunha partida máis importante para poñer en marcha proxectos de carácter social nun momento, dixo Nogueira, de máxima urxencia socio-sanitaria.
“Tampouco atopamos un euro para novas instalacións deportivas ou para mellorar a xa existentes, non hai partidas para mellorar os viarios de entrada e de saída do concello, nin para humanizar as rúas do municipio, nin para sacar adiante proxectos como o da avenida de Fisterra ou Vila de Negreira”, concluíu Nogueira.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742