O PP califica de “chapuza” o asfaltado tras a obra de auga e saneamento no Campo de Cabanas e solicita o seu arranxo

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso reclamou hoxe a través do seu portavoz, Alexander Doval, que o Goberno Local rectifique e proceda a asfaltar as pistas por onde se pasou a auga e o saneamento no Campo de Cabanas e aledaños na parroquia de Oroso.

O popular, que cualificou de “chapuza” o remate do perfil das pistas nas que se actuou para achegar a auga e o saneamento, en palabras dos populares, “sempre apoiaremos actuacións para achegar servizos básicos coma estes ao rural” pero “non é normal que a capa de rodadura da estrada estea peor agora do que estaba antes de facer a actuación na que se investiron 72.299 €”.

Neste sentido, o popular eximiu de calquera responsabilidade á empresa responsable da obra tendo en conta que, segundo explicou Doval, o proxecto inicial non contemplaba o levantamento da capa de rodadura, senón que a traída da auga e o saneamento discorrían pola cuneta. “O Goberno Local tiña que incrementar a partida do proxecto para abordar unha modificación de tales características”, apuntou o portavoz.

Por último, recordar que esta obra é un proxecto datado en outubro de 2019 e que inicialmente se licitou por 94.571 € e que contaba cun prazo de execución de 2 meses.