O PP carga contra o Goberno local por non investir mais remanente e por destinalo a “cemento e non a persoas”

O grupo do Partido Popular no Concello de Carballo, a través da súa portavoz, Paula Nogueira, arremeteu hoxe contra o Goberno local ao que os populares acusan de non botar man de mais fondos do remanente municipal para levar a cabo os investimentos que demandan e necesitan os veciños e as veciñas. Existen necesidades básicas que as parroquias e moitos barrios de Carballo mais alá dos do centro, non teñen cubertas.

“Hoxe é un bo momento para recordar o número de veces que o señor Ferrero se queixou ou xustificou a súa inacción para levar a cabo proxectos de envergadura en que non se podía utilizar o remanente que o Concello de Carballo ten”, dixo Nogueira, quen cualificou de “incomprensible” que agora que o executivo pode dispoñer destes fondos deixe aos carballeses sen actuacións fundamentais para poder facer fronte ás consecuencias económicas e sociais que provocou a pandemia de Covid-19.

Neste sentido, desde o Partido Popular de Carballo cargaron contra os proxectos que o Goberno local elixiu unilateralmente para desenvolver nos próximos meses, que obviamente tamén son necesarios pero que agora mesmo, “Creemos que é o momento de priorizar todo o que teña que ver coas persoas. Carballo figurará como un dos concellos que mais invirten en obras en Galicia, pero esperemos que non lidere o ranking de peche de negocios e locais comerciais e deixe no camiño a autónomos e pemes que están ao límite”, apuntou Nogueira, quen indicou que é tempo de velar polos servicios sociais e as axudas para aquelas persoas que o están a pasar peor.

“Temos a Vieiro e a Afaber traballando en precario. O anuncio do edificio social anunciado fai un ano, está nun caixón sen que por parte do Concello, se fixera ningunha xestión para iniciar os trámites urbanísticos necesarios. Tamén consideramos que podía ser unha boa oportunidade para aliviar o tráfico do polígono executando a saída que o une coa rotonda da avenida de Razo”, indicou a popular, no que dixo que son exemplos do destino que se pode dar os fondos e que si redundarían en beneficios para a cidadanía.

Por contra, Nogueira lamenta que o Goberno local aposte, por exemplo, por reformas de espazos, que hoxe por hoxe non se poden utilizar nin probablemente nos vindeiros meses. “Seguimos a dar voltas co mercado municipal que experimentou diversas reformas nos últimos anos, a organizar o que en xullo se reorganizou, e onde a metade dos postos están baleiros. Ademáis tratamos como unha urxencia a instalación dun ascensor panorámico que o Goberno Local non foi quen de executar nos 17 anos que leva gobernando”, censurou a popular.