O PP censura que o alcalde de Santiso traslade a charla informativa sobre o proxecto de Altri a unha zona na que non hai veciños afectados

O voceiro do Partido Popular no Concello de Santiso, José David Leiva, censurou hoxe que o alcalde, Manuel Adán, traslade a charla informativa, que os técnicos de Altri levarán a cabo o vindeiro xoves, a unha zona do municipio na que non hai veciños afectados polo proxecto da fábrica de celulosa e fibras téxtiles que a compañía portuguesa proxecta construír no municipio lucense de Palas de Rei.

Os populares aseguran que o cambio de lugar responde o interese que o rexedor ten de impedir que os veciños afectados reciban por parte da compañía información de primeira man. Neste sentido, Leiva critica que os responsables da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) tivesen a oportunidade hai uns días de reunirse cos veciños da zona afectada na Casa Consistorial e, agora, o rexedor xustifique o cambio de localización alegando que non hai un lugar adecuado para celebrar o encontro.

“Nun primeiro momento a charla cos técnico de Altri era na Casa do Concello, pero agora convocouse nun local de Visantoña, un lugar que non se ve afectado”, lamenta Leiva, quen lembra que é a zona de Belmir, en dirección a Arcediago, a máis afectada por este proxecto.

Por este motivo, e en aras de velar polo dereito a unha información “en igualdade e sen ningún tipo de manipulación e interese particular, o voceiro popular reclama que o Goberno Local celebra a reunión na Casa do Concello e, no caso de non haber espazo para todos os veciños, que o encontro sexa no polideportivo municipal.

“Todo o que non sexa celebrar o encontro na Casa do Concello significará que o alcalde ten interese en que os veciños non reciban a información necesaria para postularse sobre a instalación deste proxecto e, o que é peor, que quere controlar a xente que acude a esa reunión”, asegurou Leiva, quen acusou ao rexedor de “falta de vontade” á hora de blindar o dereito á información da xente.