O grupo do Partido Popular no Concello de Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, levará ao pleno municipal, que se celebrará o próximo mes de marzo, a súa queixa sobre a decisión tomada polo Goberno local e que afecta á xestión da carteira de seguros municipais.
En concreto, a populares censuran o feito de que o executivo local decidise nas últimas semanas poñer en mans dunha entidade bancaria todos os seguros que, na actualidade, ten en vigor o Concello de Muxía, deixando así sen unha importante parte do seu negocio aos axentes, corredores e mediadores que traballan no municipio.
“Ata a data, o Goberno local repartía a súa carteira de seguros entre os moitos profesionais que traballan e que teñen a súa sede en Muxía”, apuntou Vilela, quen cualificou de “aberrante” a decisión tomada polo executivo local, tendo en conta que, tal e como explicou, a medida supón un “duro golpe” para a xa maltreita economía do concello, minguada polas consecuencias da pandemia que xerou o Covid-19.
“O cambio é, de xeito evidente, incompresible desde todos os puntos de vista, tanto o profesional como, e tal vez máis importante, o económico”, subliñou Vilela, quen explicou que, en primeiro lugar, e ao seu xuízo, unha entidade bancaria “nunca ofrecerá un servizo tan próximo como o que brinda un corredor ou un axente” e, en segundo lugar, porque esa “non é a mellor maneira que pode ter unha administración para apoiar ao comercio local”.
Ante esta situación, a portavoz dos populares no Concello de Muxía avanzou que a súa formación esixirá ao executivo local que explique unha decisión que, segundo Vilela, causou un gran malestar en todo o sector de seguros do municipio.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742
© Partido Popular Provincia de A Coruña 2020 - Deseño web: Chía na Rede