A portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, censurou hoxe a forma de actuar de Iago Toba, despois de que o rexedor presentase nas últimas horas unha listaxe de obras “cerrado e sen consultar”, que se financiará co Plan de Obras e Servizos (POS) complementario aprobado pola Deputación da Coruña.
Os populares, que presentaran nos últimos días un escrito reclamando unha reunión entre o executivo local e o resto de forzas políticas para debater sobre que proxectos poderíanse financiar cos fondos achegados pola institución provincial, lamentan que, unha vez máis, o alcalde decida dar as costas á oposición.
“O comportamento do señor Toba é o comportamento dun auténtico ditador, pero un ditador ao que hai que lembrarlle que goberna en minoría e que necesita dos votos do resto de partidos para poder sacar adiante as súas propostas”, subliñou Vilela.
Escusas de mal pagador
A popular aproveitou tamén para referirse ao feito de que o alcalde xustificase a súa decisión alegando que os proxectos que presenta para o plan son os que xa están redactados e que, por tanto, así o Concello de Muxía corre menos risco de quedar sen o financiamento.
“Escusas e mentiras de mal pagador e ás que nos ten xa moi afeitos o señor Toba. No canto de debater e ver cales son as mellores opcións para os veciños, cerra a porta, presenta un documento cerrado e pretende que llo aprobemos sen máis”, dixo Vilela, quen indicou que o proxecto para a construción da gardería municipal tamén está redactado e, con todo, non se incluíu no plan complementario do POS.
“Estamos cansados de tender a man, de tentar dialogar e abrir as portas ao entendemento, pero está claro que o alcalde non está polo labor”, afirmou Vilela, quen advertiu que a súa formación non aceptará presións por parte do rexedor, ao que lle lembrou o sucedido no Concello de Ponteceso, onde a falta de acordo entre as forzas políticas da corporación ha deixado sen os fondos do POS ao municipio.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742