A portavoz do grupo municipal do Partido Popular no Concello de Muxía, Sandra Vilela, censurou hoxe o abandono institucional que sufriron os membros de Protección Civil distinguidos nos últimos días polo seu labor durante a pandemia.
En concreto, os populares lamentan que nin o alcalde, Iago Toba, nin ningún outro integrante da corporación tivese a ben acompañar aos integrantes deste corpo a III Entrega de Recoñecementos, Honras e Condecoracións, celebrado na Academia Galega de Seguridade Pública, na que foron premiados pola Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil.
“É unha pena que o señor Toba non fose capaz de atopar un oco na súa axenda para acompañar nun acto desta importancia a persoas que o deron todo e que chegaron a poñer a súa vida en perigo polos veciños de Muxía durante a pandemia”, subliñou Vilela.
Indignados co facer do executivo local, desde o PP de Muxía incidiron en que os integrantes de Protección Civil gañáronse o respecto e a admiración de todo o mundo menos, parece ser, dixo Vilela, dun rexedor que, tal e como lembrou a portavoz do PP, aínda non foi capaz tampouco de organizar o acto para entregarlle, xunto aos integrantes da Policía Local e os operarios municipais, a medalla ao mérito que no seu día foi aprobada polo Goberno Local.
“Estamos afeitos a que as palabras do alcalde as leve o vento en moitos aspectos da vida política, pero parécenos unha vergoña e unha falta de todo que iso o sufran tamén persoas que están entregadas co seu labor para que a vida dos demais sexa un pouco máis sinxela”, lamentou Vilela.
Nesta mesma liña, os populares de Muxía lembran que a súa formación levou a pleno no ano 2020 unha moción, aprobada por maioría, na que se reclamaba a organización dunha homenaxe aos membros de Protección Civil, Policía Local e operarios municipais. “Que imos esperar dunha persoa que nin é capaz de arroupar as nosas asociación e que, ademais, é incapaz de organizar unha homenaxe que a teñen máis que merecida”, concluíu Vilela.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742