O grupo municipal do Partido Popular no Concello de As Pontes, a través de seu portavoz, Javier Acosta, arremeteu hoxe contra o rexedor pontés, Valentín González Formoso, ao que acusou de non ter ningunha alternativa política e económica para evitar o peche da planta que Endesa ten no municipio.
“O único que se lle ocorre a estas alturas ao señor González Formoso é participar na redacción dun panfleto propagandístico e empapelar todo o noso municipio”, criticou Acosta, quen lamentou a falta de alternativas por parte dun Goberno municipal que, unha vez máis, non se atreve, dixo, a sinalar aos “verdadeiros responsables” do peche da planta.
Neste sentido, desde o Partido Popular de As Pontes, incidiron unha vez máis en que o “peche abrupto” da planta débese a unha transición “enerxética errática”, posta en marcha polo Goberno de Pedro Sánchez sen ter en conta as consecuencias que podería traer. “O que debería de facer o noso alcalde é empapelar a Moncloa e esixir ao seu xefe responsabilidades por ter acelerado un proceso que todos sabemos que se podería evitar para gañar tempo e buscar alternativas como as que a Xunta puxo sobre a mesa”, dixo Acosta.
O papel da Xunta de Galicia
Neste sentido, o popular recordou que a Xunta de Galicia loitou desde o primeiro momento por manter aberta a central e garantir os postos de traballo ata que houbera unha alternativa viable e dende entón está a traballar nesa dirección.
De feito, dixo Acosta, a Xunta opúxose ao informe negativo de Endesa do funcionamento con biocombustibles para seguir á procura de alternativas para As Pontes. “Nas últimas semanas, o Goberno autonómico está a traballar na proposta de proxectos para os fondos Next Generation e tamén na posta en marcha do Pacto de Estado por Ferrol onde, moi probablemente, haberá fondos e proxectos industriais para As Pontes”, incidiu.
Por contra, subliñou o portavoz popular, o alcalde das Pontes segue escudándose en que o executivo municipal non ten competencias para poder reverter unha situación que cualificou de “catastrófica” para o concello. “Todos coñecemos que o señor González Formoso non se molla nin debaixo da auga. Agora asina un comunicado e cre que con iso cumpre coas súas obrigacións”, indicou Acosta, quen esixiu o rexedor que, en lugar de actos que serven para pouco, convértase nun “altofalante político” contra un Goberno central que “maltrata a todos os veciños das Pontes”.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742