O PP cuestiona un orzamento municipal que destina cinco dos sete millóns a gasto corrente e persoal

O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, cuestionou o proxecto de orzamento municipal para este ano que destina cinco do sete millóns a sufragar os custos de persoal e o gasto corrente.

Nun momento de crise sanitaria e económica provocada polas consecuencias do Covid19, Doval cualificou de “pouco serio” que o executivo local presente unhas contas “continuistas” e “nada ambiciosas” cando a situación mudou completamente, e que, na súa opinión, non da resposta aos retos que hai pendentes en materia emprego, servizos, infraestruturas, e por suposto, todo o relativo á pandemia.

Os populares, que xa adiantaron que se absterán co fin de permitir que o documento entre en vigor canto antes, criticaron o feito de que a partida no capítulo de investimentos non chegue ao millón de euros. “É necesario, agora máis que nunca, que as administracións sexan un motor de actividade económica e que, a través das súas iniciativas, permitan desenvolver plans que axuden a hostaleiros, comerciantes e pequenas empresas que o están pasando realmente mal”, reclamou Doval.

Imposto plusvalía
Por outra banda, o portavoz do Partido Popular aproveitou tamén para volver reclamar ao executivo local que elimine a cobranza do imposto de Plusvalía, mediante o que o Goberno municipal pretende recadar este ano 140.000 euros do peto de todos os veciños.

“Levamos tempo pedindo a supresión deste imposto municipal potestativo e, ao mesmo tempo, poñendo o foco tamén na partida de máis de 17.000 euros que se destina a publicidade e propaganda institucional e os 10.000 euros que van parar a sufragar o gabinete de prensa”, incidiu Doval.

Por último, o popular referiuse a “necesidade urxente” que existe de incorporar ao cadro de persoal a dous axentes que, dixo, permitan “reforzar” o corpo de Policía Local e, de paso, incluír e cubrir as dúas vacantes que existen na actualidade na Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Oroso.