O PP de Carballo culpa á Deputación das inundacións que os veciños da parroquia de Entrecruces sofren desde o sábado

O voceiro do Partido Popular no Concello de Carballo, Rubén Lorenzo, culpa á Deputación da Coruña das inundacións que os veciños da parroquia de Entrecruces sofren desde que o pasado sábado se desbordase un dos afluentes do Río Grande, provocando que a auga invada a DP-1914 que une Carballo con Santiago, chegando así a algunhas das casas situadas nos laterais da vía.

 

Os populares denuncian que os veciños desta parroquia xa avisara ao Concello de Carballo do risco que podía orixinar a chegada de choivas fortes, tendo en conta que o conduto que canalizada a auga do afluente do río carballés levaba tempo obstruído.

 

“É unha vía de titularidade provincial, co que o concello trasladou o problema á Deputación que, lonxe de actuar e previr o que podía pasar, lavouse as mans, mirou para outro lado e, o que é peor de todo, agora segue sen dar unha resposta a pesar de que os veciños levan coa auga nas súas casas desde o pasado sábado”, denunciou Lorenzo.

 

O popular, que aproveitou para agradecer o traballo realizado por Protección Civil durante todos estes días, urxe a poñer solución ás inundacións, tendo en conta que, segundo explicou, hai veciños que teñen todo o garaxe cheo de auga e, noutras das casas afectadas viven persoas con dificultades para moverse.

 

“Non se pode estar así. É unha situación moi grave. A auga chega sen control ás casas e é un perigo para a circulación nunha estrada pola que viaxan moitos veciños que a diario se moven entre Carballo e Santiago de Compostela”, explicou Lorenzo, quen urxe á Deputación da Coruña a que tome medidas, en primeiro lugar, para solucionar esta inundación e, posteriormente, para que non se volva a repetir esta situación.

 

Ademais, o voceiro popular anunciou que o grupo do seu partido na Deputación da Coruña levará ao próximo pleno un rogo para insistir na necesidade de que o goberno provincial solucione este problema e, de paso, revise o estado no que se atopa a canalización dos ríos que pasan por estradas da súa titularidade.