O PP de Narón esixe a mellora urxente da iluminación dos pasos de peóns para evitar que se repitan atropelos

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Narón esixiu hoxe a través do seu portavoz, Germán Castrillón, que o Goberno Local leve a cabo con urxencia os traballos necesarios para mellorar a iluminación nos pasos de peóns para, desta forma, evitar que se repitan os atropelos producidos na zona.

 

O popular lembra que a súa formación xa presentou hai meses un escrito no que reclamaba estas actuacións. “Non podemos seguir esperando nin un día máis. Xa se produciron varios accidentes e atropelos e non é comprensible que o executivo local non incluíse ningunha partida nos orzamentos do 2022 para este apartado e siga mirando para outro lado ignorando as preocupacións dos veciños”, dixo Castrillón.

 

Á hora de buscar un motivo a todos estes accidentes, o portavoz do PP en Narón incide en que son varias as causas, pero incide en que a inadecuada iluminación destas zonas está directamente relacionada. “O que ninguén pode ocultar é que non se ve ben e iso provoca que os condutores reaccionen tarde ante calquera imprevisto”, explicou.

 

Ante esta situación, os populares consideran necesario que o Goberno Local leve a cabo un estudo pormenorizado sobre a situación na que se atopa a iluminación nos pasos de peóns para, posteriormente, poder actuar de forma concreta en cada un deles.