O PP de Oroso agradece á Educación a implantación do primeiro ciclo de primaria na Escola Unitaria de Deixebre

O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, quixo agradecer hoxe á Consellería de Educación o seu compromiso cos máis pequenos do municipio tras confirmarse que o executivo autonómico implantará o primeiro ciclo de primaria na Escola Unitaria da parroquia de Deixebre.

A decisión, explicou Doval, chega despois da solicitude recibida polos populares da AMPA e da Dirección do CRA de Oroso. “O que fixemos foi contactar co Director Xeral de Centros e co propio Conselleiro de Educación, aos que lles agradecemos as reunións mantidas, con fin de solicitar a implantación de 1º e 2º de primaria en Deixebre”, apuntou.

O popular subliñou que a decisión adoptada pola Educación converte ao Concello de Oroso nun “municipio afortunado”, tendo en conta que, na actualidade, está en funcionamento un Centro Rural Agrupado con 4 aulas –Deixebre, Trasmonte, Vilacide e Senra- que dá servizo a máis de medio centenar de nenos de entre 3 e 8 anos.

“Somos conscientes da importante decisión adoptada desde a consellería. Unha decisión que vén confirmar a preocupación e o interese que desde a Xunta de Galicia existe cara a todo o que afecta a Galicia máis rural”, dixo Doval, que matizou que as tres aulas contaban co primeiro ciclo de primaria salvo o de Deixebre, por eso, incidiu “nos parecía unha reivindicación xusta e por iso a apoiamos”.

OBRAS NO CENTRO
O grupo popular incidiu tamén nas obras que se terán que realizar no centro para a implantación do primeiro ciclo de primaria, e agradeceu a predisposición do Concello a realizar as mesmas, segundo lle foi trasladado á AMPA.