O PP de Oroso califica de decepcionante o orzamento 2022 que tilda de continuista, pouco ambicioso e de chegar tarde

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso calificou hoxe a través do seu portavoz, Alex Doval de “decepcionante” o orzamento presentado polo Goberno Local que tildou de continuista, pouco ambicoso e de chegar tarde.

“Chega tarde porque non entrará en vigor ata mediados de ano, continuista porque segue contendo os erros que había en anos anteriores e pouco ambicioso polos investimentos que expón”, afirmou Doval, quen asegurou que os veciños merecen un documento “moito máis ambicioso” e que, na súa opinión, permita mellorar de verdade a calidade de vida da xente.

No que fai referencia ás partidas, o popular detívose na que afecta á área e reparto número 10 do PXOM, no que, segundo Doval, o executivo local ten previsto investir 9 millóns de euros nos próximos anos. “Trátase dun capítulo tan recorrente como irreal e que o único que confirma é o que vimos dicindo hai moito tempo e que Oroso necesita unha revisión completa do PXOM”, subliñou o popular.

O portavoz do PP chamou a atención tamén sobre o capítulo de gasto corrente que, nesta ocasión, sitúase en 4 millóns de euros, mentres que a partida para investimentos queda en só 1,2 millóns.

“O gasto corrente leva máis da metade dos fondos dun orzamento que se sitúa en 7,5 millóns”, puntualizou Doval, quen criticou tamén que o Goberno Local teña previsto recadar 230.000 euros a través do imposto de plusvalía.

Por outra banda, os populares aproveitaron para volver poñer o acento no gasto que o executivo municipal presuposta para facer fronte a partida de publicidade e propaganda institucional -61.000 euros-, ou a que leva a prensa do gabinete de alcaldía -14.000-.