O portavoz do Partido Popular no Concello de Oroso, Alexander Doval, puxo en cuestión hoxe a presencia de membros de Protección Civil na festa dos socialistas de Galicia celebrada o pasado sábado na Área Recreativa da Penateixa.
Os populares cualificaron de “grave” que o servicio de Protección Civil actúe nun acto privado como foi a festa do PSdG, moito máis se, dixo Doval, iso supón deixar sen atender unha festa tan importante no municipio como é a de Senra.
Neste sentido, o portavoz dos populares explicou que dende a Comisión de Festas de Senra confirmaron que, semanas antes, solicitaron por escrito no Rexistro municipal a presencia de Protección Civil nos tres días que duraba a festa, ao igual que tiñan feito en outros anos.
“A resposta do Goberno Local foi o silencio. Agora podemos entender os motivos de que os membros da Comisión de Festas non recibira ningún tipo de contestación porque xa tiñan previsto non mandar a ninguén de protección civil para poder cubrir a festa socialista”, apuntou Doval, que recordou que este servicio ten unha subvención municipal de 60.000 euros.
Lonxe de criticar a labor que realiza Protección Civil, e consciente de que os voluntarios teñen que cumprir ordes, o popular asegura que o executivo local ten que dar explicacións polo que considera un feito “inaudito” que se lles chame para cubrir un evento privado coma este, deixando, dixo, tirados aos veciños.
“Na parroquia de Senra hai un malestar crecente ante a non asistencia de Protección Civil , máis aínda, cando a asociación de veciños fixo no seu momento un donativo á Agrupación pola súa labor durante o COVID”, concluíu Doval.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742