O portavoz do Partido Popular no Concello de Oroso, Alex Doval, visitou hoxe as obras da senda peonil de Marzoa xunto co portavoz do grupo popular na Deputación da Coruña, Evaristo Ben, ambos acordaron trasladar ao Goberno Provincial a urxente necesidade completar o proxecto que permitiría construír unha senda peonil a través da DP-3802 e uniría os municipios de Ordes e Frades –entre a Cruz de Folgoso e Galegos-.
Tanto Doval como Ben aproveitaron a reunión para denunciar que o Partido Popular leva desde o ano 2015 solicitando, tanto no Concello de Oroso como na Deputación da Coruña, que se puxera en marcha esta actuación que os socialistas locais prometeron hai 15 anos.
“Nestes intres estase a executar un primeiro tramo de 1 quilómetro desde Galegos (Frades) –que xa ten unha senda peonil- ata o cruce do Carballal”, explicou o portavoz local.
Neste sentido, Ben lamentou tamén que o proxecto non sexa todo o ambicioso que debería ser e recordou que a actuación que se está a realizar aprobouse pola Deputación da Coruña no mes de xaneiro conta cun orzamento de 190.900 euros e un prazo de execución de cinco meses a contar dende a formalización do contrato no mes de xullo.
“O que estamos a pedir é que se realice o tramo completo que permita unir Ordes e Frades -3 quilómetros- a través da senda peonil e non só un quilómetro como se ten previsto”, dixo Ben, quen incidiu no feito de que se trata dunha vía de alta densidade de tráfico o que pon en perigo aos peóns que a utilizan. “Imos solicitar que se habilite unha partida económica que permita completar o proxecto”, asegurou o portavoz provincial.
Nesta mesma liña, Doval anunciou tamén que a formación local trasladará ao pleno municipal unha demanda para instar o Goberno Local a que urxa á Deputación da Coruña a que complete o proxecto e faga que a senda peonil comunique Ordes con Frades. “É unha demanda dos veciños e unha necesidade que vimos denunciado desde hai moitos anos”, concluíu o popular.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742