O PP de Oroso esixe ao Concello de Santiago que a nova ruta de transporte metropolitano manteña as paradas que facía polo centro da cidade

O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval remitiu hoxe un escrito dirixido ao Alcalde do Concello de Santiago para que permita á empresa concesionaria da nova ruta de transporte metropolitano, que cubre o traxecto entre Sigüeiro e o municipio santiagués a realizar as mesmas paradas que viña facendo ata o de agora.

Os populares explicaron que, dende a entrada en funcionamento da nova ruta de transporte metropolitano, o servizo -no tocante aos veciños do Concello de Oroso- viuse afectado, creando, dixo Doval, un gran enfado entre os usuarios. “Estamos a sufrir desaxustes nos horarios tanto laborais como escolares de todas as persoas que utilizaban este medio de transporte”, indicou o portavoz.

Neste eido, os populares recoñecen que na súa formación son conscientes de que para poder voltar a situación de partida é preciso que o Concello de Santiago permita de maneira explícita á empresa adxudicataria do transporte metropolitano realizar as pardas onde as viña facendo ata o de agora, segundo, indicou, se establece no artigo 95 do Real Decreto 1211/1990, de 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de Ordenación dos Transportes Terrestres.

“Sabemos igualmente que o anteproxecto da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia contemplaba que se mantivesen as paradas no Polígono do Tambre, Meixonfrío, Salgueiriños, Pastoriza, San Roque, Virxe da Cerca, Praza de Galicia, Rúa da Rosa, e que tras a alegación feita polo Concello de Santiago tan só se mantiveron as de Polígono do Tambre, Meixonfrío, Salgueiriños e Rúa do Hórreo”, apuntou Doval, quen criticou que o Concello de Oroso non presentase nin alegacións ao anteproxecto nin as modificacións do mesmo, “nun claro exercicio de deixación de funcións”.

Con todo isto, os populares, ademais de pedir a recuperación das paradas, reclaman que, no caso de non acceder a esta proposta, o Concello de Santiago coordine de maneira eficaz a chegada do transporte metropolitano coa saída do urbano dende as paradas más importantes do novo trazado e, por outro lado, autorice a creación dunha parada máis na Universidade de Santiago, concretamente no Campus Sur.

Por último, o portavoz popular agradeceu o director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestre, o compromiso mostrado pola administración autonómica para, dentro das súas competencias, tratar de mellorar todo o relativo ao transporte no Concello de Oroso.