O PP de Oroso mostra a súa preocupación polos máis de dous anos e medio de parálise das obras do Centro Cultural de Sigüeiro

 

O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, mostrou hoxe a súa “profunda preocupación” ante a parálise na que se atopa o proxecto aprobado para mellorar as instalacións do Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa, que levan máis de dous anos e medio dende o seu inicio.

 

En concreto, os populares denuncian que as obras levan paradas desde o ano 2019, unha circunstancia, dixo Doval, que provoca que o inmoble está practicamente inutilizado, cos problemas que iso xera na actividade que alí se desenvolve.

 

“Todos lembramos as palabras de varios membros do grupo de goberno nos medios de comunicación alá por setembro do 2019 dicindo que as obras avanzaban a bo ritmo e que a finais dese ano o proxecto estaría finalizado”, subliñou Doval,

 

Cun orzamento de 519.653 euros, o certo, indicou o popular, é que unha serie de erros na redacción do proxecto, problemas coa empresa adxudicataria e falta de previsión por parte do concello, provocan que a obra siga paralizada.

 

“Estamos a falar dunha actuación moi importante para o municipio en canto ao seu investimento”, denunciou Doval.

 

O Grupo de Goberno tivo que publicar unha segunda licitación por un importe de 332.206 € para o remate das obras, “o prazo de presentación de ofertas por parte da empresa rematou o pasado mes de agosto e estamos chegando a decembro e non se resolveu” apuntou o popular.

 

“Moita foto e moito anuncio, pero á hora da verdade continuamos tendo un goberno local con escasa capacidade de xestión” concluíu a vez que solicitaban “celeridade” na resolución do contrato e por conseguinte da obra.