O PP de Oroso mostra o seu apoio as traballadoras do SAF e abre a porta a unha posible remunicipalización do servizo

O portavoz do Partido Popular no Concello de Oroso, Alex Doval, quixo deixar claro hoxe o apoio da súa formación ás reivindicacións laborais que os traballadores do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) levan facendo desde hai semanas, e aproveitou para reclamar ao Goberno Central que cumpra co compromiso que adquiriu para financiar o 50% do gasto que lle corresponde.

Os populares recordan que a Lei 13/2008, de 3 de decembro, de Servicios Sociais de Galicia establece o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) como un servizo social comunitario básico dependente da administración local, os concellos. Aparellado a esta Lei e a Lei de Dependencia, apuntou Doval, existía un compromiso orzamentario, onde o Goberno do Estado e o das Comunidades Autónomas sufragarían a partes iguais o custo do servizo.

“Desgraciadamente este compromiso non se cumpriu por parte do Estado e nestes momentos a Xunta de Galicia aporta aproximadamente un 70 % do custe e os concellos o 30 % restante”, denunciou Doval, quen acusou o alcalde, Luís Rey, de tratar de confundir aos veciños dicindo que o Goberno Local está a asumir unha parte do custo deste servizo sen explicar que esa cantidade debería achegala o Estado e non a Xunta, que está a cumprir con máis do que lle corresponde.

NOVO CONVENIO
Doval aproveitou tamén para explicar que, durante este mes de novembro, as traballadoras do SAF están levando a cabo unha serie de accións para reivindicar os dereitos como traballadoras e a busca dun novo convenio laboral máis beneficioso para elas.

“Estamos do lado das traballadoras. O compromiso de Galicia é claro con este servizo, aumentando o orzamento destinado a sufragalo ata os 113 millóns de euros e situándonos como a segunda Comunidade Autónoma con maior porcentaxe de dependentes atendidos”, dixo Doval, quen cualificou de “hipócrita” ao alcalde por “respaldar unhas condicións dignas para as traballadoras” e acto seguido dicir que non pensa poñer un euro para que isto ocorra.

O CASO DE OROSO
No caso de Oroso, dixo Doval, a Xunta de Galicia aporta unhas 23.500 horas ao ano, cunha aportación económica de 258.000 euros no ano 2022, o que supón, aproximadamente, uns 11 € / hora, co compromiso de seguir incrementando a achega progresivamente, que no orzamento do 2023 o incremento será dun 10 %.

O portavoz popular recordou tamén que no canto á xestión do servizo, trala retirada dos Servizos Sociais da Mancomunidade de Ordes, Oroso teno externalizado, a última formalización de contrato, explicou, foi o 17/10/2019 coa Fundación para El Estudio y la Promoción de la Acción Social (FEPAS).

“Este contrato vencía o pasado 17/10/2022, poucos días antes, o Grupo de Goberno PSOE-BNG aprobou na Xunta de Goberno Local, previo ditame da Comisión Informativa correspondente, a prórroga do contrato por un prazo máximo de 9 meses, sen modificacións nas condicións do contrato e con informe desfavorable da Secretaría e reparo suspensivo da Intervención municipal”, lamentaron os populares

Para concluír Doval explicou que a súa formación solicitará no Pleno Ordinario desta semana que se estude a posibilidade da remunicipalización do servizo por parte dos técnicos municipais, “servizos públicos e de calidade non pode ser solo un eslogan do PSOE e do BNG, ten que ser unha forma de gobernar e de xestionar” incidiu Doval.