O PP de Oroso solicita ao concello subvencionar máis campamentos e actividades de conciliación para o verán

O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, ven de solicitar ao concello que poña en marcha máis campamentos e actividades de conciliación para menores subvencionadas para o que resta de verán.

 

“Somos conscientes, e así nolo trasladaron numerosas familias, da problemática que supón conciliar a vida familiar, persoal e laboral máis aínda nos meses de verán na que os cativos non teñen colexio” apuntou Doval, Oroso ten 1.230 menores de 15 anos, o que supón máis do 16% da poboación do concello.

 

“Dada a situación provocada pola pandemia e a complicada situación económica que están pasando moitas familias do noso concello é unha obriga moral do Goberno Local facilitar programas de conciliación accesibles economicamente para todas as familias que así o precisen”, asegurou Doval, sendo conscientes de que existe oferta privada de gran calidade para conciliar no municipio.

 

En lugar de sacar peito polos datos de subida de poboación feitos polo executivo local, os populares anímanos a traballar para dotar de servizos o municipio e darlle mellor calidade de vida aos veciños, esa debe ser a verdadeira preocupación do executivo local, segundo os populares.