O PP de Oroso solicita ao Goberno Local que limpe a senda ao carón do Tambre que vai dende Sigüeiro a Porto Avieira

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso solicitou hoxe a través do seu portavoz, Alexander Doval, que o Goberno Local proceda a limpeza da senda ao carón do Tambre que vai dende Sigüeiro a Porto Avieira, pasando polas áreas recreativas do Refugio e da Penateixa

“Esta senda natural é usada por veciños e visitantes para pasear ao carón do río”, afirmou Doval, quen asegurou que nestes momentos “está case intransitable pola maleza” e que, na súa opinión, non é de recibo que un dos maiores atractivos naturais de Oroso se encontre nestas condicións.

“En pleno mes de maio non se entende que aínda non se limpara esta senda”, subliñou o popular, á vez que solicitou unha “maior implicación do Goberno Local e non vivir de costas ao río”.

A senda, explicou Doval, transcorre de maneira natural seguindo o cauce do río dende Sigüeiro ata a Urbanización Porto Avieira, o resto do tramo xa é impenetrable.