A nova xestora do Partido Popular de Ponteceso ten aberto estas últimas semanas unha nova etapa de traballo co partido aberto á toda a cidadanía e con ganas de recuperar proxectos para o municipio despois de que nos dos últimos anos se perderan, entre outras axudas, os fondos procedentes do Plan de Obras e Servizos ante a negativa do alcalde socialista a negociar un plan consensuado cos membros da corporación.
Así o afirmou a responsable da agrupación, Marta Carrillo Aguiar, ao sentar as bases do que será o funcionamento da agrupación, que pasa por volver ter un partido forte que responda ás necesidades e ás demandas da poboación: “Imos facer unha política construtiva, en clave positiva e contando con todos os que teñan ganas de traballar polo noso municipio, cunha aposta clara para recuperar ese Partido Popular forte que sempre tivo Ponteceso e polo que apostaban os nosos veciños”.
Segundo explicou a presidenta da xestora, o equipo que a acompaña está “moi ilusionado”, con ganas de traballar e coa mirada posta na recuperación de moitas das oportunidades que se perderon nos últimos anos “por culpa dun alcalde ausente, que goberna só co apoio de dúas concelleiras e que non conta cos concelleiros da aposición para sacar adiante iniciativas moi importantes”.
Neste senso, Marta Carrillo asegurou que desde o Partido Popular “non nos imos quedar parados vendo como o noso concello sigue perdendo oportunidades” e volveu reclamar ao alcalde “altura de miras e responsabilidade” para sacar adiante ao concello. “Non podemos esquecer que o PSOE gobernaba con maioría absoluta e que agora só conta con tres concelleiros no goberno. Eles e só eles son os responsables do que está pasando en Ponteceso, da grave situación económica e de ingobernabilidade na que nos atopamos. Eles son os que teñen que poñerlle solución e nós imos estar aí para esixilo día tras día”, concluíu Carrillo.
Os integrantes da nova xestora son Estefanía Pena Pombo, María Luz Rama Blanco, Mónica Bermúdez Chans, Adolfo Francisco Valiña Vázquez, Beatriz Martínez Calvo, Ana María Vecino Santiago e Marta María Carrillo Aguiar.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742