O portavoz do Partido Popular de Ponteceso, Daniel García Cotelo, criticou hoxe a actitude do alcalde do municipio, Lois García Carballido, por poñer en risco o investimento de máis de 300.000 euros por parte da Deputación. Trátase da cantidade correspondente ao Plan de Obras e Servizos provincial, cuxo destino aínda está sen decidir.
No pleno da corporación celebrado onte, a oposición rexeitou as intencións do alcalde, pois unha vez máis negou o debate aos grupos e en ningún momento tratou de chegar a acordos coa oposición, xa que presentou unha serie de actuacións “insuficientes e mal plantexadas”.
“Un alcalde apoiado por dúas persoas nunha corporación de trece está obrigado a buscar consenso. Nós non temos ningún reparo en falar con el e debater sobre as obras a incluír no POS complementario, pero o que non imos consentir é que actúe como se contara cunha maioría absoluta que el mesmo perdeu ao botar aos concelleiros do grupo de goberno”, explicou García Cotelo, que tamén explicou o por que da negativa do Partido Popular a aprobar a conta xeral do ano 2020.
“Levamos meses reclamando unha auditoría externa para coñecer o estado das contas do concello. Pedímolo ata por vía xudicial. Houbo un acordo plenario. E o alcalde non dá o seu brazo a torcer”, matizou para relatar que, nesta situación, non é posible a aprobación das contas.
Bloqueo e antidemocracia
Ante esta situación, o portavoz do Partido Popular asegurou que o funcionamento do Concello de Ponteceso está “completamente bloqueado”, á vez que o alcalde impide “o debate democrático” entre os membros da corporación “ao negarse a chegar a acordos e dedicarse a culpar aos demais dos seus propios erros”.
Neste senso, fixo referencia á perda das inversións do POS anual da Deputación, que deixaron ao municipio sen preto de 800.000 euros precisamente pola falta de vontade do alcalde de chegar a acordos co resto dos concelleiros.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742
© Partido Popular Provincia de A Coruña 2020 - Deseño web: Chía na Rede