O PP de Ponteceso critica que a nula xestión de García Carballido provoque o corte de liñas de telefonía públicas

O Partido Popular de Ponteceso vén de denunciar publicamente que a escola infantil Galiña Azul está sen servizo telefónico despois do impago das facturas por parte do Concello. Así, os pais non teñen xeito de comunicarse coas profesoras e, no caso en que ocorra algunha cuestión urxente, teñen que botar man dos teléfonos particulares dos traballadores e traballadoras para poder contactar.

Para o Partido Popular, esta situación é “terriblemente grave” e unha mostra máis de que a nula xestión do goberno en minoría encabezado por Lois García Carballido é incapaz de xestionar o municipio. “É intolerable que os pais e nais dos cativos da escola infantil teñan que vivir coa inseguridade de non poder contactar cos responsables do seu coidado por culpa do alcalde e os dous concelleiros que o apoian”, explicou García Cotelo, que fixe especial referencia na súa crítica ao “nefasto traballo” de María Teresa Chouciño Calvete, concelleira delegada de Educación, Formación, Biblioteca e Patrimonio.

O motivo do corte das liñas telefónicas está na acumulación de débedas por parte do Concello, que non paga nin sequera as facturas dos servizos públicos necesarios para a poboación. Por este motivo, e ante a “pasividade do alcalde”, os populares reiteran a súa petición de “responsabilidade” ao PSOE provincial e mesmo ao PSdeG, pois “son os responsables de que Ponteceso estea nesta situación”.

“Cremos que o que está pasando é suficientemente grave como para que os responsables do PSOE actúen xa, pois o dano que se está a facer ao noso municipio é moi grave, e cada vez hai menos tempo para tratar de reparalo”, insistiu o portavoz popular.