O PP de Ponteceso forzará un pleno extraordinario para tratar de aprobar e executar os 758.000 euros do POS

O portavoz do Partido Popular de Ponteceso, Daniel García Cotelo, asegurou que, se é necesario, forzará a convocatoria dun pleno extraordinario para tratar de aprobar o Plan de Obras e Servizos de Deputación da Coruña, dotado con 758.000 euros e que non obtivo polo de agora o respaldo da corporación municipal.

Así o explicou hoxe, ante a previsión de que o documento que mañá se elevará ao pleno é o mesmo que quixo impoñer o alcalde desde o primeiro momento. “Nós temos un plan que conta co respaldo da maioría da corporación, xa que os edís non adscritos están con nós, e o presentaremos para a súa execución en canto o alcalde deixe o seu cargo”, explicou García Cotelo, que confirmou que xa está presentado por rexistro municipal o documento de dimisión que ten que asinar o alcalde “polo ben dos seus veciños” e “porque aínda estamos a tempo de recuperar o tempo perdido”.

García Cotelo rexeitou de pleno que os plans de Lois García Carballido pasen por destinar “uns cartos tan necesarios para Ponteceso” para gasto corrente, pois considera que “iso non é máis que unha artimaña para ter diñeiro na caixa e pagar favores”.

Un POS que conta co apoio da maioría da corporación
Por iso, os populares traballaron nas últimas semanas nun Plan de Obras e Servizos alternativo que inclúe a construción de beirarúas desde a plazo do Recheo ata o cruce de Trabe, así como o abastecemento de auga potable á localidade de Langueirón o á mellora da pista de Nemeño a Os Ánxeles. De igual modo, están previstas melloras na depuradora de augas residuais de Pazos.

En canto ao pago provedores, desde o Partido Popular aseguran que o PSO servirá para abonar todas as facturas pendentes, tanto as actuais como “esas de persoas que levan 6 anos esperando porque o alcalde obrigoulles a reclamar o pago por vía xudicial”.

“Nós temos toda a intención de aprobar o Plan de Obras e Servizos, e aínda temos tempo segundo dixo o presidente da Deputación aquí en Ponteceso, e para iso temos traballado ata agora e contamos co apoio da maioría da corporación. Pero é certo que chegados a este punto é condición indispensable que o alcalde dimita”, insistiu García Cotelo.