O PP demanda unha liña de bolsas para deportistas e esixe ao Concello que abone aos clubs as axudas atrasadas

O Partido Popular de Culleredo a través da súa portavoz, Izaskun García, demandou hoxe que o Goberno Local poña en marcha unha liña de bolsas dirixida aos deportistas de categoría nacional que están empadroados en Culleredo, á vez que esixiu ao executivo local que abone aos clubs as axudas atrasadas desde o ano 2018.

 

García apuntou que a súa formación leva a cabo esta demanda, tendo en conta que o equipo de goberno socialista votou en contra o pasado xuño dunha moción na que os populares reclamaban solucionar a falta de financiamento coa que se atopan os deportistas e os clubs do municipio. “Esta semana atopámonos con que desde o Concello de Culleredo presentouse unha liña de subvencións dirixida aos clubs, pero os deportistas individuais continúan sen recibir ningún tipo de axuda por parte do concello”, denunciou García.

 

Neste sentido, desde o Partido Popular de Culleredo subliñan que a falta de axuda económica está a provocar “graves problemas” no día a día de clubs e deportista para poder competir e desenvolver as súas actividades nas mesmas condicións que noutros municipios. “Atopámonos con entidades e deportistas que están obrigados a renunciar a moitas cousas por falta de liquidez e, o que é peor, con situacións nas que non poden programar absolutamente nada porque non teñen a certeza de que van recibir os cartos a tempo”, dixo García.

 

Por todo isto, a portavoz popular subliñou a “urxente necesidade” de que o Goberno Municipal, en primeiro lugar, abone os atrasos que mantén coas entidades deportivas e, en segundo lugar, poña en marcha unha liña de subvencións ampla e que deixe claro cales son os prazos para cobrar e as cantidades que van recibir cada un dos beneficiarios.

 

“O que non imos permitir é que o executivo local siga desprezando o labor que fan todos estes deportistas e, sobre todo, que estas persoas e estes clubs teñan menos opcións á hora de competir que os que viven noutros municipios”, concluíu García.