O PP denuncia deficiencias no proxecto da polideportiva de Los Pelamios que poñen en risco a seguridade dos veciños

O Partido Popular de Culleredo a través da súa portavoz, Izaskun García, quixo denunciar as deficiencias que existen no proxecto para a mellora das instalacións da polideportiva dos Pelamios levado a cabo polo concello cullerdense con cargo aos fondos do Plan de Obras e Servizos (POS) posto en marcha pola Deputación da Coruña.

 

En concreto, os populares criticaron que o goberno municipal recibise unha obra, licitada por 53.000 euros e executada por 35.000, na que a maleza invade o peche perimetral. “O que nos presentaron é unha actuación chafalleira, inacabada e sen ningún tipo de planificación”, indicou García, quen lamentou a situación de abandono que hai nesta instalación.

 

A portavoz dos populares aproveitou a ocasión para engadir que o proxecto aprobado no seu día non tivo en conta planificar unha actuación sobre o talud de terra, coroado por unha árbore, que existe á beira da pista de baloncesto. Un feito, dixo García, que provoca que a superficie se encha constantemente de terra, de follas e de ramas que converten o piso “nunha auténtica pista de xeo en moitas ocasións”.

 

Por este motivo, os populares demandan que o Goberno Municipal presupueste unha partida que permita actuar sobre estas deficiencias, tendo en conta que, segundo explicou García, na actualidade, a situación do recinto supón un “importante risco” para os veciños que o utilizan.