O PP denuncia o perigo que supón para os viandantes o mal estado dun edificio abandonado na zona de A Corveira

O grupo do Partido Popular no Concello de Culleredo, a través da súa portavoz, Izaskun García, volveu a denunciar hoxe o perigo que supón para os viandantes o mal estado no que atopa desde hai meses un edificio abandonado na zona de A Corveira.

Os populares explicaron que parte da estrutura da fachada principal do inmoble derrubouse o pasado verán. Unha circunstancia, dixo García, que supón un importante risco para os veciños transitan pola zona, tendo en conta que a casa está pegada á estrada xeral. “O Concello coñece o problema, pero o único que fixo desde entón foi poñer uns valos que o único que provocan é que a xente teña que baixar da beirarrúa e cruzar pola estrada cada vez que pasan por alí”, dixo a portavoz do PP.

Ante a falta de solucións, o grupo dos populares no Concello de Culleredo levou ao pleno do pasado mes de setembro a gravidade da situación co único obxectivo de que o executivo local tomase cartas no asunto dunha vez por todas e solucionase o problema. “Non só non fixo nada, senón que a única solución que se lles ocorreu é mover un pouco os valos que colocara para dar un pouco máis de marxe ao pasar”, lamentou García, quen subliñou que, mentres tanto, o inmoble segue derrubándose cada día que pasa.

Cansados de que o Goberno local mire para outro lado, e despois de recoller as queixas de moitos dos veciños da zona, os populares volverán pedir ao Concello que poña en marcha as actuacións necesarias para apuntalar ou, si é necesario, derrubar por completo o inmoble antes, dixo García, de que “teñamos que lamentar un accidente cun veciño ou cun vehículo”.