O PP denuncia que o Concello de Muxía permite que os alimentos recollidos para Ucraína podrezan polo atraso no seu envío

A portavoz do grupo municipal do Partido Popular no Concello de Muxía, denunciou que o Goberno Local permite que os alimentos recollidos na campaña de axuda a Ucraína podrezan a día de hoxe polo atraso no seu envío.

Os populares lembran que o pasado 12 de marzo terminouse a campaña posta en marcha polo executivo municipal que tiña como obxectivo obter o maior número de quilos de alimentos que ían ser enviados a Ucraína para axudar ás persoas afectadas pola invasión rusa.

“Segundo soubemos eses alimentos están a podrecerse no edificio de Servizos Múltiples do Concello onde seguen amontoados sen que desde o Concello de Muxía moveran un dedo para envialos”, censurou Vilela, quen atacou duramente ao alcalde, Iago Toba, polo “uso político e propagandístico” que, segundo a popular, realizou o rexedor cun tema de tanta sensibilidade.

Lonxe de quedar aquí, desde do Partido Popular de Muxía aproveitaron para pedir explicacións sobre os motivos polos que non se enviou o cargamento a Ucraína. “Primeiro díxose que se utilizaron os produtos para axudar ás familias que se acolleron no noso municipio, un feito falso porque só houbo unha, e despois se dixo que se ían a enviar de maneira inmediata, outra mentira do alcalde porque segue sen facerse o envío”, afirmou Vilela.

Para a portavoz este feito supón unha “chapuza máis” dun rexedor que, ao seu xuízo, debería pedir perdón a todas as persoas que, co seu diñeiro, dixo, preocupáronse de doar alimentos para unha causa solidaria na que, segundo Vilela, non poden ter cabida a actitudes tan “lamentables” como a que mostrou o señor Toba.