O PP denuncia que o Concello “nin se molestou” en pedir a subvención para dotar de libros a biblioteca municipal

O grupo do Partido Popular no Concello de Muxía, a través da súa concelleira, Sofía López, cualificou de “insólito” que o Goberno local “nin se molestase” en pedir a subvención que a Xunta de Galicia pon á disposición dos concellos para a adquisición de libros cos que dotar de fondos a bibliotenca municipal.

“Este executivo local nunca deixa de sorprendernos. Cando pensamos que xa non se poden facer as cousas peor, sempre hai algunha cuestión que supera a anterior”, dixo López, quen lembrou que non hai ningún motivo que poida xustificar a renuncia a esta axuda.

Neste sentido, a popular incidiu en que, neste caso, a subvención do Goberno autonómico non é de concorrencia competitiva, un feito que, tal e como explicou, supón que co mero trámite de que o Concello solicítea é adxudicada.

Por este motivo, desde o Partido Popular consideran unha “falta de respecto” aos veciños de Muxía o “deixamento” que a concelleira de Educación do Concello mostra ao non reclamar esta axuda. “O interese pola biblioteca municipal e, en xeral, por todo o que afecta a Muxía, queda reflectido tamén no feito de que o centro non teña horarios fixos ao longo do ano para unha mellor xestión”, concluíu.