O PP denuncia que Oroso non conta con ningún axente da Policía Local e urxe ao alcalde a solucionar o problema

O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, denunciou hoxe que o municipio non conta na actualidade con ningún axente de la Policía Local en activo, despois de que un deles collese vacacións e unírase desta maneira as ausencias dos outros dous compañeiros de traballo –un de baixa e outro en comisión de servizo-.

Os populares, que levan moitos meses alertando da falta de efectivos deste corpo sen que o Goberno local realice as xestións oportunas para incrementar o número de axentes, consideran “inadmisible” que un municipio como Oroso estea nestes momentos sen un servizo tan “importante” e “necesario” como o que presta a Policía Local.

“Hai tempo que advertimos de que esta situación se podería dar en calquera momento e, unha vez máis, o señor Miras e os seus compañeiros de goberno fixeron oídos xordos e non moveron nin un dedo para poder buscar unha solución”, explicou Doval.

Nesta liña, o portavoz dos populares, lonxe de responsabilizar aos axentes locais da situación na que se atopa o corpo de Policía Local, fixo fincapé na “falta de previsión” dun executivo municipal ao que responsabiliza dun feito que incrementa a “sensación de inseguridade que perciben os veciños”.

Iniciativas anteriores
Desde o Partido Popular de Oroso aproveitaron para recordar que a súa formación leva reclamando desde hai dous anos a posta en marcha de iniciativas que teñen que ver coa mellora da seguridade dos veciños do municipio.

“En marzo do 2020 propuxemos a creación da Xunta Local de Seguridade, e antes, en febreiro do 2019, xa mostramos a nosa preocupación pola falta de efectivos na Policía Local”, concluíu Doval.