O PP e os edís non adscritos de Ponteceso presentan na Deputación un POS alternativo ao do alcalde en minoría

Os concelleiros do Partido Popular de Ponteceso e os edís non adscritos acudiron esta mañá á sede da Deputación Provincial para presentar un escrito no que explican o Plan de Obras e Servizos que contaría co apoio maioritario da corporación municipal sempre e cando o alcalde deixe o seu cargo.

“Estamos a dicir o que sempre temos dito. Que Lois García Carballido deixe o seu posto porque xa ten demostrado dabondo que non é quen de gobernar nin xestionar o noso Concello”, explicou o portavoz popular, Daniel García Cotelo, que quixo tamén deixar claro que dende o PP hai “total vontade de que o noso pobo poida recibir os 758.000 euros que lle corresponden”.

Para iso, teñen presentado diante do rexistro electrónico da institución provincial, responsable do reparto dos fondos, as obras e actuacións que incluirían no plan, e que supoñen diversas obras, o mantemento do emprego nos servizos sociais municipais e tamén o pago de facturas a provedores. “Isto é algo máis que o que pretendía o alcalde en minoría, que só plantexou un POS para gasto corrente ou, o que é o mesmo, para ter cartos en caixa e pagar favores”, criticou o popular.

A solución, no PSOE provincial e na Deputación
Aínda que o prazo para presentar proxectos e actuacións con cargo ao plan provincial xa rematou o mes pasado, foi o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o que dixo que había tempo para solucionar a situación en Ponteceso.

“Tomámoslle a palabra ao señor Formoso e presentamos a nosa alternativa na sede provincial, toda vez que o grande impedimento para traballar no Concello é sempre o alcalde, que non fala coa oposición e que non é consciente de que está a gobernar na máis absoluta das minorías tras ter expulsado a cinco dos seus compañeiros do equipo de goberno”, recalcou o portavoz popular, que insiste en que todo avance para Ponteceso pasa pola dimisión do alcalde.

“Valentín González Formoso non só é o presidente da Deputación, tamén é o responsable do PSOE provincial, así que tamén ten responsabilidade no que está a pasar no seu partido en Ponteceso”, concluíu García Cotelo.