O PP e os edís non adscritos de Ponteceso solicitan reunirse co titular da Deputación para salvar o POS

Os concelleiros do Partido Popular de Ponteceso, xunto aos edís non adscritos expulsados do goberno, seguen a dar pasos cara a conseguir a aprobación do Plan de Obras e Servizos provincial e non perder os 758.000 euros de investimento que tanto precisa o municipio.

Por iso, despois de presentar a súa proposta para o POS no rexistro da Deputación, hoxe solicitaron unha reunión co presidente provincial, Valentín González Formoso, para pedir que valide “o único proxecto de actuacións que conta co apoio da maioría do pleno”, explicou o portavoz do PP, Daniel García Cotelo.

A solicitude deste encontro tivo lugar despois de que, unha vez máis, a comisión informativa convocada para esta mañá rematara sen acordo, pois o alcalde, Lois García Carballido, volveu presentar o mesmo proxecto que xa foi rexeitado en dúas ocasións.

“Nós non imos aprobar un plan que só inclúe gasto corrente e pago a provedores, e o alcalde xa o sabe… igual que sabe que ten que presentar a súa dimisión para que Ponteceso teña POS e teña tamén futuro nos próximos meses”, explicou o popular, que xustifica a solicitude de reunión co presidente da Deputación en que el é o que dixo que aínda hai tempo para que o Concello entre no reparto dos fondos do Plan de Obras e Servizos.

“É o máximo mandatario da Deputación, e tamén é o presidente do PSOE provincial. Cremos que ten moito que dicir neste asunto, toda vez que hoxe nos trasladaron na comisión informativa que el mesmo dixo que non hai presa para a presentación dos proxectos”, argumentou o portavoz popular, que tamén rexeitou as críticas feitas polo alcalde ao POS presentado pola oposición.

“Din que está incompleto, e máis incompleto está o seu que nin sequera conta co respaldo do pleno”, concluíu.