O Partido Popular no Concello de Zas, a través do seu portavoz, David Gómez, esixe ao goberno local que os veciños do municipio poidan beneficiarse dunha taxa bonificada á hora de contratar os servizos que ofrece o novo tanatorio municipal.
Os populares entenden que, tratándose dun edificio e servizo municipal, os veciños e veciñas empadroados no Concello de Zas deben ter unha bonificación especial para este servizo municipal. En concreto, o PP demanda unha redución mínima de 118 euros sobre unha taxa establecida de 350 euros. “Levamos a nosa proposta ao último pleno e atopámonos, sorprendentemente, coa negativa dun executivo local que se xustifica dicindo que a lei non permite facer esta bonificación”, subliñou o portavoz dos populares.
Ante esta negativa, Gómez recordou que a ordenanza municipal do Concello de Zas, que regula a taxa das instalacións deportivas municipais, indica no seu artigo 5 que están exentos do pago da taxa pola utilización dos pavillóns polideportivos cubertos os veciños do municipios, as persoas xurídicas, entidades, organismos, asociacións, federacións e clubs con sede no termo municipal.
“Non entendemos moi ben a postura do alcalde. Queremos pensar que a súa negativa é produto do descoñecemento da norma, sería moi grave que, pola contra, que a decisión fora a un simple capricho que prexudicaría de maneira directa a todos os veciños”, subliñou Gómez.
Exemplos noutros concellos
Ademais de referirse a esta ordenanza municipal, o portavoz do Partido Popular incidiu tamén no feito de que moitas das actividades organizadas polo Concello de Zas –campamentos de verán e diferentes cursos- tamén contan cun desconto no seus prezos para as persoas que están empadroadas no municipio.
Lonxe de quedar nestes exemplos, Gómez xustificou a demanda presentada polo seu partido no modelo que establecen moitos concellos da comunidade autónoma para fixar as taxas dos tanatorios. “Non hai que ir moi lonxe para atopar uns municipios que estean a levar a cabo o que pedimos. Si o noso alcalde non sabe como articular o que lle estamos propoñendo, o único que ten que facer é levantar un teléfono e preguntar en Ordes como hai que facer para que os veciños de Zas paguen menos polo servizo do tanatorio”, concluíu.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742