O PP esixe ao Goberno Local celeridade no arranxo das pistas de Oroso de Abaixo

O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso esixiu hoxe a través do seu portavoz, Alexander Doval, ao Goberno Local que leve a cabo coa “máxima celeridade” o arranxo das pistas de Oroso de Abaixo.

O popular explicou que a actuación, que afectaría os viais interiores do lugar de Oroso de Abaixo na parroquia da Gándara, permitiría mellorar o acceso a unha serie de vivendas. “Na actualidade, a zona está repleta de fochancas que case son socabones e completamente abandonada”, dixo Doval, quen denunciu que nos últimos trinta anos no se fixo ningún tipo de mantemento, tan só pequenos parches.

Doval aproveitou tamén para lembrar que esta actuación que reclama o seu partidos estaba incluída no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña aprobado no ano 2020, cun orzamento superior aos 47.000 euros. “Non hai ningún motivo que xustifique o atraso na execución desta obra”, apuntou Doval, quen incidiu en que os veciños que viven nesta parroquia teñen os mesmos dereitos a poder gozar de bos servizos e o correcto mantemento das vías do mesmo xeito que o resto de habitantes de Oroso.