O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, esixirá, no pleno que se celebrará esta semana, a posta en marcha por parte do Goberno local de medidas que permitan poñer fin aos problemas de inseguridade que sofren dende hai meses os veciños de Sigüeiro.
Os populares pretenden trasladar a preocupación que existe entre os habitantes da capital do municipio polos incidentes en forma de roubos consumados ou tentativas que están a sufrir os empresarios e os comerciantes do núcleo urbano.
“Oroso e Sigüeiro sempre foron lugares seguros para vivir e para ter un negocio e non podemos permitir que esto cambie”, dixo Doval, quen subliñou que a intención do seu grupo municipal non é causar alarma pero si poñer o foco nun problema que, según explicou, é máis que evidente e ten preocupada ao conxunto da poboación.
Por outra banda, os populares aproveitaron a ocasión para denunciar tamén as agresións que están a sufrir menores da vila. “Trátase de menores que veñen dende Santiago a amedrentar, pedirlles cartos e incluso agredilos -a pasada semana houbo unha liorta e a un rapaz de Oroso tiráronlle tres dentes-”, apuntou Doval, quen recoñeceu que trátase dun problema “complexo de solucionar”, pero no que, asegurou, o executivo local non pode mirar para outro lado e facer como se non pasara nada.
Iniciativas anteriores
Ante esta situación, desde o Partido Popular de Oroso recordaron que a súa formación leva reclamando desde hai dous anos a posta en marcha de iniciativas que teñen que ver coa mellora da seguridade dos veciños do municipio sen que, dixo Doval, o goberno local fixese algo neste sentido.“En marzo do 2020 propuxemos a creación da Xunta Local de Seguridade, e antes, en febreiro do 2019, xa mostramos a nosa preocupación pola falta de efectivos na Policía Local”, recordou o portavoz popular, quen espera que, nesta ocasión, as peticións da súa formación non caian en saco roto.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742