O PP esixirá no pleno que o Goberno Local modifique parte do proxecto deseñado para o carril bici de Carballo

O grupo do Partido Popular no Concello de
Carballo anunciou hoxe a través do seu portavoz, Rubén Lorenzo, que
presentará no próximo pleno unha moción na que esixirá ao executivo local
que modifique parte do proxecto deseñado para o carril bici que percorre
varias rúas céntricas do municipio.

Os populares apuntan que co avance das obras do carril-bici do Proxecto
Ciclando no Concello de Carballo foi aumentando o malestar da veciñanza
e visitantes da da vila debido a eliminación de decenas de prazas de
aparcamento público e a supresión do carril de entrada ao centro ao seu
paso pola rúa Vázquez de Parga.
“A nova infraestrutura está provocando grandes retencións en sentido
de entrada á vila nas horas punta e, tamén, está impedindo que os
vehículos de emerxencias teñan puntos de parada seguros no caso de
que teñan que intervir nalgunha das rúas afectadas”, explicou Lorenzo.
Neste sentido, dende o PP creen que a actuación xerou un punto perigoso
no entronque da rúa Vázquez de Parga coa rúa Emilia Pardo Bazán polo
excesivo estreitamento da vía nese punto e a forma en que os vehículos
que queren continuar a marcha pola Vázquez de Parga teñen que
maniobrar.
Dase o feito, di Lorenzo, de que unha vez rematadas as obras, debido á
instalación dos bordos para céspede, varios edificios do núcleo urbano (con
e sen vao) quedaron sen entrada habilitada.
“Se ten deixado tamén unha mesma entrada para varios garaxes o que
supón unha gran incomodidade para os usuarios dos mesmos e un
problema de seguridade para os peóns e os escasos ciclistas que
usan o carril de nova creación”, denunciou o popular, quen incidiu en os
vehículos vense na obriga de invadir o espazo destinado para as bicicletas
e tamén para os peóns.
Por todo isto, os populares reclaman que se replanteen as entradas aos
portais dos garaxes, modificando os bordos de céspede que impiden ou
dificultan que os vehículos accedan aos mesmos dun xeito adecuado para
os usuarios e seguro para peóns e ciclistas.
Ademais, na moción o PP pide que se modifique a actuación do proxecto
ciclando no punto de entronque das rúas Vázquez de Parga e Emilia Pardo Bazán para garantir a seguridade dos vehículos, peóns e ciclistas. “É
necesario que se devolvan, na medida do posible, o número máximo
de prazas de aparcamento público eliminadas nas rúas de Carballo
afectadas por este proxecto”, indicou Lorenzo quen concluíu demandando
que se habiliten zonas seguras de parada para vehículos de emerxencia en
distintos puntos das rúas Poñente, Fábrica, Vázquez de Parga e Avda de
Razo