O PP lamenta que algo tan importante como o POS fora aprobado grazas ao voto de calidade dun alcalde en minoría

A portavoz popular de Ponteceso, Marta Carrillo, confirmou esta mañá o seu “malestar, tristeza e impotencia” ante a situación de “desgoberno total” que vive Ponteceso e que provocou a aprobación do Plan de Obras e Servizos co voto de calidade do alcalde. “Que algo tan importante para o noso pobo, un investimento tan importante e tan necesario, teña que ser aprobado así demostra que o alcalde e as dúas concelleiras que o apoian non están capacitados nin lexitimados para seguir ao mando do noso concello”, denunciou Carrillo.

Do mesmo xeito, insistiu en que en ningún caso o seu grupo está dacordo coa proposta e o proceder do alcalde, pero que decidiron apoiar o plan cos seus votos a favor para evitar que Ponteceso perdera, como sucedeu xa o ano pasado, “uns investimentos que necesitamos moito”, en referencia aos preto de 500.000 cos que contará agora a municipio. “Queremos que quede caso que co noso voto a favor non estamos apoiando ao alcalde, senón aos veciños e veciñas que se poderán beneficiar das obras e actuacións que se fagan con cargo aos fondos provinciais”, insistiu.

Carrillo lembrou tamén todas as ocasións en que o Partido Popular reclamou o consenso de todos os grupos para sacar adiante as actuacións a incluír no plan provincial, e lamentou que non se escoitaran as súas propostas e que o alcalde non convocara aos grupos para falar das posibles obras a realizar.

“Nós propoñíamos o saneamento do Xungal de Ponteceso con dúas saídas máis das pluviais ao río Anllóns, drenaxe de canles e á vez convertelo nun lugar que os veciños poderían desfrutar. O alcalde, en lugar diso, trae un parche amañando unha comporta xa existente”, explicou a portavoz, que engadiu que “Carballido antepón a compra duns terreos que se inundarán igualmente en lugar de iniciar esta obra porque a realidade é que non lle importa ese problema”.

A proposta do Partido Popular
Ante a negativa do rexedor “en minoría” de obter apoios ou consensuar as obras do POS, Marta Carrillo explicou que o PP tiña unha proposta que si fixo chegar ao goberno, e que incluía a posibilidade de destinar parte dos fondos á mellora da calidade de vida dos maiores e os mozos coa posta en marcha de diversas iniciativas culturais.

Respecto ás obras, a proposta do PP incluía:

 Nova rede de pluviais en Corme, porque mentres as augas pluviais non estean separadas do saneamento seguirá a haber problemas no tanque de tormentas e na depuradora.
 Rematar de asfaltar as pistas da parcelaria de Cores e Nemeño así como reparar as mesmas na parroquia de Pazos. Tan importante é facer obra nova como manter o xa feito para que non rematen estragándose ata a súa desaparición.
 Continuación das beirarrúas en Pazos por ambos lados dende a pista de Casas do Monte ata as últimas casas dirección Buño.
 Completar o saneamento e abastecemento das parroquias que sexa posible e se podan conectar coas depuradoras xa existentes, caso de Anllóns , Lestimoño, Cerezo ou Carballido e ónde non sexa posible facelo con pequenas depuradoras como sería en: Xornes, Langueirón, Tallo, Ourada, Limiñoa, Brantúas, Niñóns, etc.
 Mantemento das pistas municipais no Concello.

Responsabilidade e ética política
Ao xuízo de Marta Carrillo, só o Partido Popular demostrou nos últimos meses ter a responsabilidade política que se lle presupón a calquera representante público, xa que o sucedido na sesión plenaria do pasado xoves demostra que todos os concelleiros antepoñen os seus intereses persoais aos dos veciños. “Se temos que chegar ata o límite e ata o último minuto do último día para que veñan cartos a Ponteceso, malo”, explicou Carrillo, que apelou unha vez máis aos dirixentes rexionais e provinciais do Partido Socialista a poñer fin á situación que se está vivindo no municipio.

Tal e como lembrou a voceira popular, o PSOE gañou as eleccións municipais no ano 2019 obtendo oito concelleiros dun total de 13. Agora, o alcalde Lois García Carballido tan só conta co apoio de dous, polo que está claro que a responsabilidade e a culpa do que sucede no municipio é dos socialistas. “Eles son os que teñen que arranxar o que eles mesmos estropearon, e xa está ben de botarlle en cara á oposición a falta de apoio porque o que ten que facer Carballido é buscar os consensos que necesita para sacar adiante proxectos para o municipio”, apuntou Carrillo, que asegurou que para iso sempre poderá contar co Partido Popular.