O PP lamenta que as empresas que apostan por instalarse en Culleredo se vexan prexudicas polos problemas urbanísticos xerados polo alcalde

A voceira do Partido Popular de Culleredo, Izaskun
García, lamentou hoxe que as empresas que apostan por instalarse no municipio estean a
verse prexudicadas polos problemas urbanísticos xerados por un Goberno Local
“incapaz” de garantir a seguridade xurídica dos seus terreos industriais.
A popular quixo saír así ao paso das palabras do rexedor, José Ramón Rioboo, nas que
xustificaba a súa ausencia á visita institucional que o presidente da Xunta de Galicia,
Alfonso Rueda, fixo esta mañá ao polígono industrial de Ledoño, argumentando que se
trata dunha nave ocupada ilegalmente.

“O centro ao que se refire o señor Rioboo exerce a súa actividade conforme a
legalidade. Todos os asuntos aos que se refire o alcalde sobre estes terreos son
alleos á empresa e á Xunta de Galicia”, explicou García, quen lembrou que existe unha
sentenza do Tribunal Supremo na que obriga ao Concello de Culleredo a pagar máis dun
millón de euros a la exconcesionaria para conseguir a reversión dos devanditos terreos
onde se sitúa a nave.

Tras as declaracións do señor Rioboo, a voceira dos populares aproveitou para cargar
contra a xestión dun rexedor que, unha vez máis, dixo, “non é capaz de defender os

dereitos dos seus veciños e, o que é peor, trata de culpar a outras administracións
da súa neglixente xestión urbanística”.
Neste sentido, García lembrou que non é a primeira vez que o Concello de Culleredo e os
seus veciños vense afectados por un problema urbanístico e lembrou o ‘caso de Garrocha’,
no que o Goberno Municipal permitiu que a concesionaria estivese anos sen pagar o canon
que debía abonar pola utilización das instalacións, co correspondente prexuízo económico.
Por último, a voceira dos populares aproveitou para censurar a política industrial posta en
marcha polo Goberno Local ao que acusou de non promover a instalación de empresas no
chan do municipio. “Estamos a ver como nos últimos anos as empresas apostan por
irse a concellos limítrofes que, ademais de maiores vantaxes para a súa instalación,
non teñen que sufrir a inseguridade xurídica que se vive en Culleredo e que está a
privar aos veciños de ter máis oportunidades”, concluíu García