O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, mostrou hoxe a súa “profunda preocupación” ante a parálise na que se atopa o proxecto aprobado para mellorar as instalacións do Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa, que levan case dous anos dende o seu inicio.
En concreto, os populares denuncian que as obras levan paradas desde o ano 2019, unha circunstancia, dixo Doval, que provoca que o inmoble está practicamente inutilizado, cos problemas que iso xera na actividade que alí se desenvolve.
“Todos lembramos as palabras do alcalde nos medios de comunicación alá por setembro do 2019 dicindo que as obras avanzaban a bo ritmo e que a finais dese ano o proxecto estaría finalizado”, subliñou Doval,
Cun orzamento de 519.653 euros, o certo, indicou o popular, é que unha serie de erros na redacción do proxecto e problemas coa empresa adxudicataria provocan que a obra siga paralizada máis dun ano despois.
“O mínimo que debería facer o Goberno local é saír a dar explicacións. Estamos a falar dunha actuación moi importante para o municipio canto ao seu investimento e a sensación de escurantismo é total e absoluta”, denunciou Doval.
Orzamentos 2021
Doval defendeu que o feito de que o executivo non dese a coñecer aínda o borrador do documento orzamentario para este ano 2021 é unha proba máis da “falta de xestión” dun goberno ao que tachou de “pouco eficiente” no desenvolvemento do seu labor, “o único que fixeron foi saír en prensa con anuncios” apuntou Doval.
“Nun momento de moitas incertidumes como o que estamos a vivir por culpa da pandemia provocada polo Covid-19, e no que os cidadáns necesitan certezas, apoio e medidas por parte das administracións, en Oroso atopámonos cun Goberno local paralizado e sen capacidade de reacción”, subliñou o popular.
O único certo, dixo Doval, é que, a piques de rematar o mes de febreiro, o documento dos orzamentos “nin sequera se convocou a Comisión de Contas correspondente, co que iso supón para poder sacar adiante os proxectos que necesitan os veciños”, afirmou o portavoz do PP, quen cargou contra os socios de goberno do BNG aos que tildou de “cómplices da neglixente xestión municipal”.
Para Doval, a inexistencia deste documento pon de manifesto a “falta de coordinación e de ilusión” que existe entre os socios de goberno por sacar adiante proxectos para o municipio.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742