O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Narón, a través do seu portavoz, Germán Castrillón, levou ao pleno municipal celebrado hoxe unha moción na que insta o Goberno Local a “non deixar na estacada” aos traballadores da empresa ElectroRayma, afectados polos plans de Navantia de prescindir dos servizos desta compañia.
Os populares lembran que ElectroRayma é unha empresa con sede en Narón, con máis de 30 anos como provedora do sector naval, con altas capacidades técnicas en proxectos, montaxes, reparacións e mantemento eléctrico e con capacidade para a reparación de motores e xeradores.
“Falamos dunha compañía que leva moitos anos demostrando a súa gran capacidade e alta competencia no sector”, dixo Castrillón, quen denunciou que Navantia, de maneira incomprensible, retíralle carga de traballo, para adxudicar a unha multinacional de capital francés novos proxectos que, perfectamente, por calidade e persoal especializado, podería realizar a empresa afincada en Narón.
“A situación producida por Navantia nestes últimos dous anos podería provocar un enorme problema social na comarca de Ferrol, poñendo perigo a continuidade dunha empresa de referencia en Ferrolterra, que emprega a máis de 300 familias da nosa comarca”, subliñou Castrillón.
Por este motivo, o portavoz dos populares considera “imprescindible” que todas as forzas políticas da corporación, así como todas as administracións públicas “traballen da man” para impedir que a Navantia continúe cunha política que, dixo Castrillón, está a deixar “moi tocada” unha comarca xa de seu “maltreita” industrial, social e economicamente nos últimos anos.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742
© Partido Popular Provincia de A Coruña 2020 - Deseño web: Chía na Rede