O PP reclama no pleno da Deputación modificar o ancho das beirarrúas nalgún punto da DP-1603 ao seu paso pola parroquia de Ponte do Porto

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña reclamou no pleno celebrado o pasado venres que o Goberno provincial acometa canto antes modificacións no ancho das beirarrúas do proxecto que afecta á mellora da DP-1603 ao seu paso pola travesía da parroquia de Ponte do Porto.

Lonxe de criticar a actuación do executivo provincial, o voceiro popular, Evaristo Ben, explicou que, con esta petición, a súa formación quere evitar problemas unha vez terminado o proxecto. “Puidemos comprobar que no punto quilométrico 730-740 da vía o ancho das beirarrúas coincide cun cruce que pode dificultar a incorporación dos coches á vía”, dixo Ben.

Cun orzamento de máis de 700.000 euros, a mellora da DP-1603 é, apuntou o popular, unha actuación o “suficientemente importante” como para que quede en perfecto estado. “Dende o PP insistimos sempre en que a mellora das vías provincias e unha das prioridades que temos e, neste caso, temos constatado a necesidade de aumentar o ancho das beirarrúas, pero sen poñer en risco a seguridade vial da zona”, concluíu o portavoz do Partido Popular.