O PP REITERARÁ AO CONCELLO QUE REPARE A PASARELA SOBRE O RÍO SAR QUE COMUNICA COS CENTROS EDUCATIVOS
O grupo municipal do PP de Padrón reiterará ao Concello que repare a pasarela sobre o río Sar que comunica o Paseo do Espolón cos centros educativos a fin de evitar danos nos transeúntes debido aos estragos nela presentes e que revisten especial perigosidade no caso dos menores ou persoas con problemas de mobilidade. De feito, ante a falla de medidas ata o de agora, “volveremos a levar este asunto ao Pleno”.
Así o trasladaron os concelleiros Ángel e Sergio Rodríguez, tras comprobar in situ que o goberno socialista “desatendeu o rogo que neste sentido presentamos o pasado mes de setembro”.
Os populares pedirán ademais ao Concello que arranxe debidamente os desperfectos presentes na pista que transcorre ao carón precisamente do Sar e que, “tal e como se pode ver á altura da porta traseira do IES Camilo José Cela, por exemplo, xusto ao remate da pasarela, está en mal estado desde hai tempo e sen que se tomasen medidas ao respecto, agás poñer parches”. Por iso, os populares solicitan que se arranxen debidamente estes desperfectos, se pinten debidamente os pasos de peóns e se comprobe o estado global da pista na súa totalidade para garantir o seu correcto estado.